A Mariña lucense

Logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o PSdeG

O Parlamento galego demanda a continuidade das obras de mellora de seguridade viaria na LU-162

  • Esta estrada conecta Ferreira de Valadouro e Cangas de Foz, na que xa se construíron máis de dous quilómetros de beirarrúas nas zonas de maior densidade de vivendas
  • Agora preténdese continuar os traballos no tramo urbano da travesía de Vilamor

Santiago, 6 de maio de 2021.-  O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o PSdeG, a través da que se insta á Xunta a dar continuidade ás obras de mellora da seguridade viaria e peonil na estrada LU-162, que conecta Ferreira do Valadouro con Cangas de Foz en Lugo, en concreto  impulsando á maior brevidade posible o proxecto dirixido á execución de novas beirarrúas no tramo urbano da travesía de Vilamor e a axeitada conservación e mantemento de todos os elementos da vía.

O deputado popular José Manuel Balseiro lembrou que a Xunta “xa executou nesta estrada máis de dous quilómetros de beirarrúas nas zonas con maior densidade de vivendas en tres fases, o que supuxo un investimento superior aos 450.000 euros”. “Ademais, neste momento tanto as beirarrúas como todos os elementos da estrada atópanse en bo estado de conservación e son atendidas polo persoal  do servizo de mantemento ordinario da Xunta para evitar o seu deterioro”, engadiu.

TOTALMENTE DE ACORDO

Balseiro afirmou que “estamos totalmente de acordo en que o proxecto continúe nos espazos pendentes, unha vez que xa se ten executado no treito máis prioritario pola presenza de casas agrupadas, zonas de peor visibilidade ou nas que os vehículos circulan a maior velocidade e hai persoas habitualmente andando”.

“A intención da Xunta é dar continuidade ás obras de mellora da seguridade viaria e peonil na estrada LU-162, que conecta Ferreira de Valadouro con Cangas de Foz, impulsando o proxecto nos tramos que aínda carecen de beirarrúas”, asegurou o deputado popular, quen criticou que o PSdeG “pretendan licitar e executar un proxecto construtivo que, a día de hoxe, non existe”.