Comprometidos con Sarria

A través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG e a abstención do BNG

O Parlamento galego demanda ao Concello de Sarria a mellora da rúa Diego Pazos

Santiago, 6 de maio de 2021.-  O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se require ao Concello de Sarria a execución do proxecto de peonalización e mellora comercial da rúa Diego Pazos en Sarria, segundo o proxecto técnico inicialmente presentado e que conta coa pertinente autorización autonómica, e no que se recolle unha actuación integral coa execución de beirarrúas, aparcadoiros e zona de circulación, así coma servizos, iluminación e mobiliario urbano.

“A veciñanza da zona, un dos principais espazos comerciais deste municipio, non merecen soportar a mala situación na que o Concello mantén esta vía, cun asfalto cheo de fochancas; cunha deficiente execución do nivelado das beirarrúas, que provoca inundacións en vivendas e locais de negocios; e incumprindo as melloras que se comprometeu a facer en materia de iluminación, sinalización e colocación de mobiliario urbano”, sinalou o deputado popular José Manuel Balseiro.

OBRA PROMOVIDA POLO CONCELLO

Na súa intervención, Balseiro recoñeceu que esta rúa é de titularidade autonómica, “pero quen promoveu a obra no ano 2018 foi o Concello de Sarria, que foi incapaz de rematar os traballos completamente”. Neste sentido, explicou que “cando a Xunta autoriza a outra administración, como é neste caso o Concello de Sarria, a facer algunha obra nunha estrada de titularidade autonómica, esta administración está obrigada a repoñer, ao seu cargo, os elementos da estrada que resulten afectados pola mala execución das obras”.

Deste xeito, o deputado popular incidiu que “hai unha responsabilidade directa por lei do Goberno local de Sarria en garantir que esta rúa estea en perfectas condicións”, pero lamentou que, “polo que estamos a ver, o Concello non ten ningunha intención e vontade de reparar esa rúa, a pesar de que o propio Pleno municipal requiriulle ata en cinco ocasións que fixera estas reparacións”.