Pregunta parlamentaria

Balseiro interésase no Parlamento sobre o incremento das axudas da Xunta para os programas de inclusión laboral de persoas con discapacidade

O deputado lucense José Manuel Balseiro interésase no Parlamento de Galicia por coñecer cal é a ampliación da dotación orzamentaria prevista para fomentar a inclusión laboral das persoas con discapacidade a través dos centros especiais de emprego. Así mesmo, a pregunta rexistrada polos membros do Grupo Popular para a súa resposta oral en Pleno pretende dar a coñecer tamén cantas persoas se poderán beneficiar destes programas do Goberno galego.

Balseiro explica que “a Convención sobre os Dereitos das persoas con discapacidade establece a obriga dos Estados Partes de promover e protexer os dereitos destas persoas, incluídos os laborais. E, neste sentido, cabe destacar o artigo 27 “traballo e emprego”, que afonda no deber dos poderes públicos de xerar oportunidades de emprego e de promoción profesional para as persoas con discapacidade no mercado laboral”.

Por outra banda, a Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, recolle como un tipo de emprego, o protexido, regulado a través do artigo 43 relativo aos centros especiais de emprego.

Ampliación de orzamento para axudar aos centros especiais de emprego

O deputado popular lembra que “a Xunta de Galicia publicou a ampliación do orzamento para a concesión de axudas destinadas a apoiar aos centros especiais de emprego que hai na Comunidade co obxectivo de fomentar un emprego para todos, como verdadeira ferramenta de inclusión social”.

Esta convocatoria inclúe tres programas que perseguen apoiar a creación, ampliación, continuidade e adaptación dos postos de traballo, así como o mantemento do custo salarial dos seus traballadores e a contratación de unidades de apoio.