Infraestruturas Lugo

O PPdeG critica o PSdeG rexeitara un “acordo de provincia” no Parlamento para mellorar as infraestruturas viarias da provincia de Lugo

Santiago, 9 de setembro de 2021.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento galego a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a que execute, no menor prazo de tempo posible, o desdobramento total do corredor Nadela-Monforte de Lemos para convertelo en autovía, “unha obra que a propia conselleira xa se comprometeu a licitar a redacción do proxecto este mesmo ano para completar o percorrido entre Sarria e Lugo”, explicou o deputado popular José Manuel Balseiro.

Porén, lamentou que o PSdeG rexeitara sacar adiante “un acordo de provincia con demandas de infraestruturas viarias ao Goberno central, poñendo por diante os intereses partidistas dos socialistas fronte ao de todos os lucenses”.

José Manuel Balseiro lamentou que os deputados socialistas rexeitaran a súa proposta de “aprobar unha proposta de provincia, na que incorporáramos a demanda ao Goberno galego para o remate do desdobramento total do corredor Nadela-Monforte e a solicitude ao Goberno central para a mellora de infraestruturas da súa competencia en Lugo, como as autovías Lugo-Santiago, Lugo-Ourense, Monforte-Chantada ou a da Mariña; así como unha solución técnica aos peches de tráfico da autovía do Cantábrico; a reparación do firme na autovía do Noroeste; o reforzo das tarefas de mantemento e conservación nas estradas de titularidade nacional; ou a recuperación das frecuencias ferroviarias suprimidas”.

“Porén, os deputados socialistas decidiron poñer por diante os intereses do seu partido e a defensa do Goberno de Pedro Sánchez, rexeitando a proposta feita polo Grupo Popular, que finalmente votou a favor da iniciativa socialista amosando que por enriba dos nosos intereses de partido está o benestar de todos os lucenses”, manifestou.

OBRAS DE DESDOBRAMENTO EN PRAZO

Balseiro explicou na súa intervención que o desdobramento do corredor Nadela-Sarria “é unha obra que a Xunta ten en marcha e neste momento está traballando na súa primeira fase, que supón un investimento de 25 millóns de euros”. En concreto, afirmou que o nivel de execución desta primeira fase das obras é do 40 por cento, “polo que se está a cumprir e incluso superar o plan de obra previsto”.

Así mesmo, o deputado popular sinalou que “o que piden os socialistas na súa iniciativa xa foi avanzado pola propia conselleira de Infraestruturas, quen anunciou que o seguinte paso será licitar neste mesmo ano 2021 a redacción do proxecto do resto do treito, completando así o percorrido por autovía entre Sarria e Lugo”.

“En contraposición a esta actividade da Xunta, o Goberno de Pedro Sánchez ten no esquecemento a autovía da Mariña ou a de Lugo-Ourense, ao tempo que ten parada a autovía Lugo-Santiago e é incapaz de recuperar as frecuencias de ferrocarril que operaban antes da pandemia”, dixo José Manuel Balseiro.