Infraestruturas

O Parlamento galego demanda o remate da VAC Ferrol-San Cibrao e a construción da autovía da Mariña

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei, acordada entre o Grupo Popular e o PSdeG, a través da que se insta á Xunta a rematar a vía de alta capacidade Costa Norte Ferrol-San Cibrao e se solicita ao Goberno central que execute, no menor prazo de tempo posible, a autovía da Mariña.

O deputado popular José Manuel Balseiro saudou que o PSdeG “decidise por fin poñer deberes ao Goberno central, e non centrarse exclusivamente en demandas á Xunta, aceptando a nosa emenda para que se leve a cabo a prometida autovía da Mariña, que lamentablemente non pasa de ser unha liña nun papel, xa que nada está feito”.

DOUS TREITOS NOVOS DA VAC

Deste xeito, considerou “moi positivo o acordo unánime acadado hoxe no  Parlamento galego para pedir un impulso decidido tanto á estrada de titularidade da Xunta como á dependente do Goberno central”. “Sería moi difícil de explicar que o PSdeG mantivera as súas esixencias á hora de poñer deberes á Xunta, pero non tivera o mesmo nivel de esixencia á hora de reclamar débedas pendentes ao Goberno de España”.

Balseiro lembrou que a Xunta “xa construíu dous tramos da vía de alta capacidade da Costa Norte: a variante de Ortigueira e o treito Celeiro-San Cibrao, que supuxeron un investimento de máis de 100 millóns de euros”. Así mesmo, lembrou que actualmente o Goberno galego está a traballar no tramo San Sadurniño-Sanguiñeira e na variante de Viveiro, sobre a que lamentou que “a Xunta xa propuxo nove alternativas ao Concello e todas foron rexeitadas pola alcaldesa”.

SEN FONDOS EUROPEOS

Para rematar, o deputado popular manifestou que “para facer realidade estas estradas, e tamén outros proxectos na Mariña, Ferrolterra e Ortegal, non axuda que, por unha decisión do PSOE, se exclúan estas obras do financiamento dos fondos europeos, logo de que o Goberno de España excluíra no plan de recuperación e dos fondos europeos extraordinarios aos concellos máis pequenos”.

“O noso rural e a mellora das comunicacións non poden ser esquecidos polo Goberno central, quitándolles aqueles fondos que son unha oportunidade única para poñer os alicerces do futuro”, manifestou José Manuel Balseiro.