Artigo de opinión

O NOSO HOSPITAL

A que foi a maior aspiración da nosa comarca é xa toda unha realidade grazas ao remate da primeira fase das obras de ampliación e remodelación integral do Hospital Público da Mariña lucense. Calquera que se achegue por Burela poderá observar, e facelo en primeira persoa, un hospital diferente, máis amplo, moderno e renovado, por dentro e por fóra e, o que é máis importante, con máis e mellores servizos e equipos para o coidado da nosa saúde.

Ver cumprido este compromiso supón unha satisfacción para min, no persoal, como veciño da comarca e tamén política, porque supón a materialización dun empeño que sempre defendemos no Partido Popular. Traballei moitos anos e con moito orgullo para apoiar este proxecto. E aínda que unha iniciativa desta envergadura leva o seu tempo, podo dicir con orgullo que o presidente Alberto Núñez Feijóo cumpriu a súa palabra.

Durante todos estes anos tivemos que escoitar de todo. Soportar bulos como os que daban por feito que queriamos pechar o hospital, ou desmantelalo en vez de amplialo. Houbo incluso ataques directos fronte ás persoas que defendiamos, como de feito así se ten demostrado, que finalizadas as obras contariamos cun hospital máis amplo, con máis camas, con novos servizos e máis persoal. Afortunadamente o tempo dá e quita razóns.

Pero o remate das obras de eficiencia enerxética e a finalización da primeira fase da remodelación integral, nas que se teñen investido 15 millóns de euros, non é máis que un punto e seguido. Porque no ámbito sanitario a esixencia de melloras é continua e xa están en marcha a segunda e terceiras fases. Somos esixentes e inconformistas e por isto os investimentos neste hospital continuarán e suporán outros 15 millóns de euros adicionais para impulsar unha nova reforma en máis de 8.300 metros cadrados da súa superficie e a construción dun novo edificio. Proximamente, presentarase o proxecto e iniciarase o proceso para desenvolvelo e poder licitar a obra o vindeiro ano.


A aspiración dun hospital mellor e máis amplo estivo na mente de moitas persoas. Hoxe non podo deixar de lembrar e agradecer aos seus traballadores que, co seu esforzo, fan o máis difícil, dia a día, prestando un servizo público dirixido a coidar o máis importante que ten unha persoa: a saúde. Tampouco aos distintos equipos directivos que traballaron neste proxecto, nin aos concelleiros e cargos públicos e institucionais que sempre defenderon esta iniciativa, contra vento e marea. Paga a pena preguntarse que distinta sería a batalla contra a pandemia se non dispuxéramos das melloras que tivo o noso hospital nas últimas lexislaturas.

A que foi a maior aspiración desta comarca, a ampliación do seu Hospital, é hoxe unha realidade, e podo dicir con orgullo que continuará…